martes, 3 de xuño de 2014

O xogo na escola infantil


A IMPORTANCIA DO XOGO NA ESCOLA INFANTIL



O xogo nos mais pequenos é unha NECESIDADE e a ACTIVIDADE FUNDAMENTAL, que os adultos debemos de favorecer, provocar, observar e escoitar.

O xogo forma parte da condición do ser humano, xa que é unha conducta que realizan os nenos/as de todas as partes do mundo e de todos os tempos, así o xogo é unha conducta espontánea que move aos cativos a interactuar coas persoas e os obxectos por curiosidade innata e polo simple pracer de
facelo.
O xogo durante a infancia constitúe un exercicio preparatorio xa que a través das actividades lúdicas adquiren unha gran cantidade de coñecementos e habilidades utís para a vida. Os xogos que realizan, dependen do seu nivel de desenvolvemento intelectual; son necesarios para a súa maduración, e esta non se alcanza ata finais da infancia.

O xogo simbólico non aparece de súpeto, é consecuencia de todas as experiencias vividas e a relación coas figuras de apego dende o nacemento. Cando xoga, non solo está a divertirse senón que está a aprender, facer, crear, imaxinar,... En calqueira escena de xogo podemos observar como florece o desenvolvemento integral da crianza, como se están a formar as capacidades esenciais no seu desenvolvemento.

Xogando simbólicamente os nenos e as nenas afianzan as relacións sociais e aprenden a vivir en sociedade, asumen roles, aprenden a interactuar cos demais, a resolver os conflictos, a tomar decisións, a negociar cos seus iguais e a chegar a acordos.

Cando xogan actúan de xeito espontáneo, coma se fosen outras persoas para realizar os seus desexos, así, consolidan estructuras mentais, favorecen a maduración cognitiva, estimulan as capacidades de pensamento e a creatividade. O xogo simbólico perfecciona o desenvolvemento motor na medida que posibilita canalizar a necesidade de movemento e axuda a conseguir seguridade, dominio e equilibrio do propio corpo. Así mesmo, este tipo de xogo favorece a adquisición da linguaxe xa que impulsa a falar consigo mesmo e cos demais, comeza a evocar as cousas, a nomealas e a expresar os seus desexos e intereses.

Se prestamos atención aos nenos cando xogan escoitarémoslles pronunciar verbas e frases novas, e incluso atoparemos as nosas verbas reflectidas no seu xogo. O xogo simbólico é o xogo por excelencia da escola infantil.

A esencia deste tipo de xogos de imitación atopase na capacidade de simbolizar; de crear situacións mentais e combinar feitos reais con feitos imaxinarios; caracterizado por un tipo de asimilación, asimilación do real ao“EU”.

A escola é o lugar onde tamén se aprende a “vivir”, e o xogo simbólico é un espazo de ensaio para a
aprendizaxe da vida. Simbolizar, representar, ser quen non son, para aprender a ser quen son.

Replantexarse o momento de xogo no día a día trae consigo una serie de interrogantes e que debemos respostar:
• Na organización diaria, tense previsto un tempo para o xogo simbólico? Como se organiza este tempo?

• Como se planifican os espazos e os materiais para que sexan atractivos, motiven o xogo, estean ordeados e ao seu alcance? Fanse cambios cada certo tempo en función da evolución dos seus intereses?

• Como fomentamos a elección libre de materiais? , potenciamos o seu uso para enriquecer o xogo?

• Intervimos correctamente deixando espazo para a liberdade do neno, respectando a súa necesidade de estar ou non presentes no seu xogo?

• Como se realizan as observacións durante estes momentos de xogo? Que están aprendendo? Que situacións emocionais experimentan? Como interaccionan?

• Estamos atentos as situacións onde xorden conflictos e intervimos cando é necesario?

Debemos tomar conciencia de que o xogo, ten un papel moi importante no desenvolvemento da personalidade. Non debemos velo só como sinónimo de esparcemento, de diversión ou de recreo, senón que este resulta clave para o desenvolvemento de moitas das súas habilidades: cognitivo, social, comunicativo ou afectivo.

E non só iso, senón que ademais, a través do xogo, os nenos/as nenas descobren as súas posibilidades, aprenden a coñecer o mundo que lles rodea e interpretan a realidade, ensaian conductas sociais, asumen roles, aprenden, descargan impulsos e exteriorizan as súas emocións e fantasías. Todo iso, lévanos a considerar o xogo como unha das actividades básicas da infancia.

Por todo elo debemos ser moi rigorosos a hora de observar e avaliar o xogo na Escola Infantil e as relacións que se establecen entre os/as nenos/nenas. Debemos documentar toda esta observación mediante:

• a observación directa

• a anotación diaria

• a gravación de vídeos

• a toma de fotografías

Con todos estes instrumentos será mais fácil auto avaliar a nosa acción educativa fronte ao xogo, podendo deste xeito, darlle ao xogo a importancia que debe ter dentro da xornada escolar.

A observación de como xogan permítenos realizar o seguimento dás súas conquistas ao longo do ano. Sempre debemos usar a secuencia observar- reflexionar- interpretar. Deste xeito interpretaremos:

• cales son as capacidades dos/das nenos/nenas

• cales son as súas necesidades

• cales son as súas emocións

En moitas ocasións pensamos no xogo como un instrumento de aprendizaxe a través do cal ofrecemos un modelo positivo de imitación; sen embargo, algunhas veces non somos quen de interpretar a información que nós dan no seu xogo.


As nenas e nenos necesitan dar saída as súas emocións e para iso empregan o mundo simbólico do xogo; se nós, coa nosa perspectiva adulta, reprimimos esas válvulas de escape, o neno buscara outras saídas. “XOGAR É APRENDER A SER LIBRE”: é vital para que a nena/ neno poida desfogarse da presión que significa estar facendo sempre o que din os adultos.

O figura do docente no xogo debería quedar nun segundo plano, en canto a que non debe dirixir o xogo. Ainda que sí debemos estar presentes, ser respetuosos, saber entender, saber escoitar, captar as inquedanzas dos que xogan, e para elo, observar, estar dispoñibles, facilitar, participar cando no lo soliciten, redirixir o xogo se xorden conflicto; as veces unha pequena suxestión pode ser suficiente para alentar a imaxinación e desviar o foco do conflicto.

A presenza do adulto é necesaria, xa que proporciona un clima seguro dende o punto de vista afectivo e físico (eliminación de riscos).

Por último a modo de conclusión decir que o xogo, ao ser a actividade característica da infancia e
factor esencial para a adaptación afectiva e social de nenos e nenas, así como o elemento básico para o seu equilibrio emocional, seu desenvolvemento e aprendizaxe, debería ser uns dos eixos básicos da actividade na Escola Infantil.

1 comentario:

  1. O blogue que serviu de referencia para a elaboración do mesmo foi o da escola infantil de silleda

    http://www.escolasinfantisdegalicia.es/silleda

    ResponderEliminar